Nesta nova edición convocáronse dúas bolsas cunha dotación máxima de 40.000€ cada unha para a realización de estudos presenciais dirixidos á obtención dun título de máster en calquera disciplina que poida reverter na mellora das actividades produtivas e, en xeral, ao progreso económico, social e cultural de Galicia. A diferenza da edición anterior, pódense presentar candidaturas para estudos en calquera disciplina pero seguirase prestando unha atención especial a aquelas relacionadas co sector agroalimentario e forestal, dadas as prioridades da Fundación.
Os estudos de máster poderán realizarse de xeito presencial durante o curso académico 2023-2024, en centros estranxeiros ou nacionais de recoñecido prestixio. Os solicitantes deberán ter nacionalidade española, estudos universitarios finalizados ou estar no último curso, que deberán finalizar para optar á bolsa, e ter relación con Galicia.
A selección de bolseiros terá en conta criterios obxectivo relacionados coa formación académica dos solicitantes ou a súa traxectoria profesional, en caso de tela, así como a tipoloxía de estudos a realizar e a súa posterior aplicación prevista.
O Padroado da Fundación destacou a importancia de seguir fomentando este tipo de bolsas para axudar aos nosos mozos galegos a optar a unha formación profesional de calidade, que fomente a excelencia profesional que en definitiva poida contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia. Os resultados do bolseiro da anterior edición reafirmaron a necesidade e firme propósito de seguir ofertando este tipo de axudas convocando así unha nova edición de bolsas de posgraduado.
As persoas interesadas nestas bolsas, poderán solicitalas ata o día 31 de maio de 2023, a través do formulario habilitado na nosa web dentro do programa de bolsas de posgraduado, onde tamén están publicadas as bases da presente convocatoria.