
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas concede tres novas bolsas internacionais de posgrao na súa V Edición
03/08/2026A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e a USC impulsan a investigación coa financiación de dous contratos predoutorais
A Fundación destinará 171.783,36 euros á financiación de dous contratos predoutorais para persoal investigador en formación da Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa reforza o compromiso de ambas institucións coa xeración de coñecemento, a innovación e o desenvolvemento sostible de Galicia.
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e a Universidade de Santiago de Compostela renovaron hoxe a súa colaboración mediante un convenio destinado á financiación de dous contratos predoutorais, unha iniciativa orientada a promover a formación de persoal investigador e a apoiar proxectos científicos de excelencia vinculados a ámbitos estratéxicos para Galicia. O acto celebrado na sede de Caixa Rural Galega contou coa participación do presidente da Fundación, Tomás Notario Vacas; do presidente de Caixa Rural Galega e vicepresidente da Fundación, Manuel Varela López; así como doutros membros do Padroado, entre os que se atopaba o patrón Alberto Cepeda Sáez. En representación da Universidade de Santiago de Compostela asistiu o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Planificación Económica e Infraestruturas, Roberto Bande Ramudo e a directora do Campus Terra da USC, Marta Miranda Castañón. O convenio permitirá financiar durante tres anos dous contratos predoutorais para investigadores en formación matriculados en programas de doutoramento da USC, contribuíndo á captación e retención de talento investigador e ao fortalecemento da capacidade científica da universidade galega.
Compromiso co talento e a excelencia investigadora
A convocatoria está orientada ao desenvolvemento de proxectos de investigación en áreas de especial relevancia para Galicia, entre elas a agricultura sostible e a produción vexetal, a saúde e produción animal, a alimentación segura e saudable, a xestión forestal sostible, a biodiversidade, o cambio climático e o desenvolvemento económico e social do medio rural. Ademais da contratación do persoal investigador, o programa contempla a posibilidade de realización de estadías en centros nacionais e internacionais de prestixio, favorecendo a internacionalización da investigación e a adquisición de novas competencias científicas. Durante o acto, os representantes de ambas institucións destacaron a importancia de reforzar a colaboración entre universidade e sociedade para avanzar na xeración de coñecemento e na procura de solucións innovadoras aos retos actuais.
Unha aposta polo futuro de Galicia
Con este acordo, dotado cun importe total de 171.783,36 euros, a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas reafirma a súa aposta pola investigación, a formación e a innovación como ferramentas fundamentais para o progreso económico e social de Galicia. Esta iniciativa enmárcase na vocación da Fundación de apoiar proxectos que contribúan ao desenvolvemento do territorio, á mellora da competitividade dos sectores produtivos galegos e á creación de oportunidades para as novas xeracións.
Sobre a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas ten como finalidade promover actuacións nos ámbitos da investigación, a educación, a innovación e o desenvolvemento sostible, prestando especial atención aos sectores agroalimentario, forestal e medioambiental, así como ao impulso do coñecemento e da transferencia de valor á sociedade galega.
Consulta a información e as bases aquí.




